---
title: "Longicornios (Cerambycidae)"
url: https://ocbribadeo.org/longicornios-cerambycidae/
date: 2026-11-22
modified: 2026-11-22
lang: es
author: "OCB Ribadeo"
description: "Os Cerambycidae, coñecidos como escaravellos longicornios, son unha extensa familia de coleópteros que destaca polas súas antenas longas, que en moitas especies superan a lonxitude do corpo, especialmente nos machos...."
categories:
  - "A nosa biodiversidade"
image: https://ocbribadeo.org/wp-content/uploads/DSC6008-2.jpg
word_count: 1021
---

# Longicornios (Cerambycidae)

Os **Cerambycidae**, coñecidos como escaravellos longicornios, son unha extensa familia de coleópteros que destaca polas súas antenas longas, que en moitas especies superan a lonxitude do corpo, especialmente nos machos. Poden medir desde uns poucos milímetros ata varios centímetros, cun corpo alongado, cilíndrico ou lixeiramente aplanado. A súa coloración é moi diversa. Aínda que **a maioría dos Cerambycidae teñen actividade diúrna**, existen bastantes especies nocturnas ou crepusculares.

**As larvas, en xeral, son xilófagas, é dicir, aliméntanse principalmente de madeira.** Escavan galerías en troncos, pólas e raíces. Algunhas especies viven na madeira morta e outras en árbores vivas debilitadas. O seu desenvolvemento pode durar desde uns meses ata varios anos. A pupación adoita producirse no interior da madeira. Pero, no xénero *Agapanthia*, as larvas desenvólvense en talos herbáceos. Os adultos aliméntanse de pole, néctar, follas, cortiza ou zume, dependendo da especie.

**Curiosidade:** se atopas un cerambícido dentro da casa durante o inverno, non descartes que saíse dalgún toro de leña.

Podemos atopalos en numerosos ambientes: bosques de frondosas e coníferas, carballeiras, faiais e bosques de ribeira, prados e zonas con vexetación herbácea, matogueiras e claros forestais, árbores vellas, madeira morta e tocóns. **Moitos adultos visitan as flores**, polo que tamén se poden observar en prados e nas beiras dos camiños.

Os Cerambycidae desempeñan un papel importante nos ecosistemas forestais: participan na descomposición da madeira, contribúen á reciclaxe de nutrientes, algunhas especies son polinizadoras ocasionais e constitúen alimento para aves, réptiles e outros invertebrados.

**En Galicia coñécense aproximadamente 120 especies de Cerambycidae.** Esta cifra procede dun traballo científico de Pablo Torrella, publicado en 2023 na revista *Arquivos Entomolóxicos*, do que achegamos a ligazón.

[https://www.aegaweb.com/arquivos_entomoloxicos/ae26_2023_torrella_cerambycidae_coleoptera_galicia_museo_historia_natural_sghn_ferrol.pdf](https://www.aegaweb.com/arquivos_entomoloxicos/ae26_2023_torrella_cerambycidae_coleoptera_galicia_museo_historia_natural_sghn_ferrol.pdf)

En xeral, **son insectos inofensivos para as persoas.** Non teñen aguillón nin veleno, non son agresivos e non transmiten enfermidades. Como outros escaravellos, poderían intentar defenderse coas mandíbulas se se manipulan, pero non representan ningún perigo.

**Para facilitar a identificación, recoméndase facer tres fotografías:**

- **Vista dorsal:** corpo completo, para observar a distribución da pubescencia (peliños).
- **Vista lateral da cabeza:** para apreciar as antenas.
- **Primeiro plano das antenas:** especialmente dos catro primeiros artexos.

**CERAMBYCIDAE NO OCB RIBADEO**

En Ribadeo, ata o momento, fotografamos e rexistramos en Observation.org nove especies desta familia e dous exemplares do xénero Agapanthia.

**1.- Agapanthia spec.**

![](https://ocbribadeo.org/wp-content/uploads/DSC_5768.jpg)

![](https://ocbribadeo.org/wp-content/uploads/DSC_5798.jpg)

Se fotografase as antenas con detalle, seguramente se podería chegar á identificación da especie.

Os membros deste xénero desenvolven a súa actividade principalmente a plena luz do día, especialmente durante as horas máis cálidas e soleadas. Adoitan observarse pousados ou desprazándose lentamente polos talos e follas das súas plantas nutricias (cardos, gamóns, umbelíferas, gramíneas, etc.) para alimentarse e reproducirse.

***2.- Cerambyx scopolii***

![](https://ocbribadeo.org/wp-content/uploads/DSC_5922.jpg)

É diúrno e resulta especialmente interesante buscalo nos días soleados, sobre flores e arbustos en flor.

***3.- Clytus arietis***

![](https://ocbribadeo.org/wp-content/uploads/DSC2637.jpg)

![](https://ocbribadeo.org/wp-content/uploads/DSC_5905.jpg)

Coñecido tamén como escaravello avespa, é estritamente diúrno. Obsérvase con frecuencia nos días soleados, alimentándose de pole e néctar en flores brancas ou amarelas (como as das umbelíferas, os estripos ou os botóns de ouro).

***4.- Leptura aurulenta***

![](https://ocbribadeo.org/wp-content/uploads/DSC5033.jpg)

Aproveitan as horas de sol e calor para alimentarse. Atópanse en días despexados sobre as flores (especialmente das umbelíferas, das silveiras ou dos sabugueiros), alimentándose de pole e néctar, ou ben pousados sobre troncos caídos expostos ao sol.

***5.- Paracorymbia stragulata***

![](https://ocbribadeo.org/wp-content/uploads/DSC4221.jpg)

![](https://ocbribadeo.org/wp-content/uploads/DSC4222-Editar.jpg)

Os adultos son moi activos durante as horas centrais do día. Obsérvaselles alimentándose de pole e néctar en diversas flores, especialmente en claros do bosque e nas beiras dos bosques (umbelíferas, silveiras, margaridas, etc.)

***6.- Pyrrhidium sanguineum***

Dada a baixa calidade da miña foto, adxunto unha de Jordi Clavell

![](https://ocbribadeo.org/wp-content/uploads/63127255.jpg)

![](https://ocbribadeo.org/wp-content/uploads/Imagen1.jpg)

É activo durante as horas centrais e soleadas do día, momento no que os adultos saen na procura de parella e de lugares onde poñer os ovos. Se o día está nubrado ou frío, adoita permanecer agochado baixo as cortizas soltas ou nas fendas da madeira.

Raramente o verás alimentándose nas flores. Os adultos apenas se alimentan e dedican a súa curta vida (apenas unhas semanas) case exclusivamente á reprodución.

O mellor lugar para buscalo son **troncos recentemente cortados, pólas caídas ou moreas de leña** que aínda conserven a cortiza, especialmente en zonas soleadas de bosques caducifolios ou nas súas beiras. É moi frecuente velo correteando sobre a leña almacenada no campo.

***7.- Rhagium bifasciatum***

![](https://ocbribadeo.org/wp-content/uploads/DSC4463.jpg)

![](https://ocbribadeo.org/wp-content/uploads/DSC4471.jpg)

Déixase ver sobre todo durante o día, especialmente nas xornadas soleadass da primavera e do verán. Alterna as visitas ás flores na procura de pole ou néctar coa actividade directa sobre troncos, tocóns e vexetación baixa.

***8.- Rutpela maculata***

![](https://ocbribadeo.org/wp-content/uploads/DSC6008-2.jpg)

![](https://ocbribadeo.org/wp-content/uploads/DSC_8567.jpg)

Moi diúrna, heliófila e florícola. Pasa boa parte das horas de sol visitando flores para alimentarse de pole e néctar, ou desprazándose entre plantas e beiras cálidas. Atópase sobre todo en flores grandes ou agrupadas en racimos, como as das umbelíferas, silveiras, sabugueiros, estripos, margaridas ou cardos en flor.

***9.- Spondylis buprestoides***

![](https://ocbribadeo.org/wp-content/uploads/101609543.jpg)

Observación e fotografía de Carlos Galán do ano 2008.

**É principalmente crepuscular e nocturno**, aínda que nos días moi calorosos ou se se ve molestado pode deixarse ver ao anoitecer e, de xeito puntual e ocasional, durante o día.

Pasa as horas centrais do día agochado baixo cortizas soltas, entre a follaxe seca, debaixo dos troncos ou nas fendas dos tocóns. Sae **ao anoitecer e durante a noite**, cando voa cun zunido pesado na procura de parella e de lugares onde poñer os ovos. Ás veces séntese atraído polas luces artificiais.

Os adultos non son florícolas; apenas se alimentan (en todo caso, poden roer algo de cortiza tenra ou alimentarse dos exsudados de zume) e a súa vida adulta é relativamente curta.

***10.- Stenurella melanura***

![](https://ocbribadeo.org/wp-content/uploads/DSC6018.jpg)

Durante as horas de sol pasa boa parte do tempo nas flores, alimentándose de pole e néctar, o que a converte nunha visitante habitual e doada de observar para quen pasea no verán. Sobre todo en **flores abertas**, como as das umbelíferas, margaridas, silveiras, sabugueiros ou outras plantas compostas en flor, onde a miúdo se poden ver varios exemplares xuntos.

Con esta pequena entrada, achegámonos un pouco máis ao coñecemento da** biodiversidade de Ribadeo**. Espero que vos gustase e aproveito para lembrarvos que podedes colaborar subindo as vosas observacións á plataforma de Ciencia Cidadá **Observation.org.**

Descargade a aplicación **ObsIdentify** e comezade a explorar a gran biodiversidade que nos rodea.

Grazas.