---
title: "Anfibios de Ribadeo: unha chamada á participación cidadá"
url: https://ocbribadeo.org/anfibios-de-ribadeo-unha-chamada-a-participacion-cidada/
date: 2025-10-31
modified: 2025-12-19
lang: es
author: "OCB Ribadeo"
description: "Ribadeo alberga unha riqueza natural extraordinaria, e entre os seus tesouros máis sensibles e fascinantes atópanse os anfibios. Rás, sapos, sapagueiras, … conviven nos nosos humidais, pozas temporais, bosques e..."
categories:
  - "A nosa biodiversidade"
image: https://ocbribadeo.org/wp-content/uploads/ANFIBIOS.jpg
word_count: 486
---

# Anfibios de Ribadeo: unha chamada á participación cidadá

Ribadeo alberga unha riqueza natural extraordinaria, e entre os seus tesouros máis sensibles e fascinantes atópanse os anfibios. Rás, sapos, sapagueiras, … conviven nos nosos humidais, pozas temporais, bosques e cursos de auga, desempeñando un papel fundamental no equilibrio dos ecosistemas e actuando como indicadores da saúde ambiental.

Cada fotografía, cada rexistro e cada dato achegado pola cidadanía é unha peza clave para comprender mellor as poboacións de anfibios no noso municipio.

Busca en zonas húmidas, pozas, fontes, regatos, prados húmidos e entornos forestais, camiños enchoupados… Cunha simple fotografía e a localización é suficiente para axudar.

Os anfibios dependen moito da humidade e da temperatura, así que escoller as condicións axeitadas aumenta enormemente as posibilidades de observalos. Aquí tes os mellores momentos e condicións atmosféricas para observar anfibios sen molestalos:

🌧️ **Días e noites húmidas**
A humidade alta é clave. As mellores situacións son despois da choiva ou durante orballos suaves, noites con néboa ou humidade ambiental elevada, chan mollado e pozas cheas. Os anfibios aproveitan estas condicións para desprazarse, alimentarse e reproducirse.

🌡️ **Temperaturas suaves**
Prefiren temperaturas temperadas, especialmente entre **8 °C e 18 °C** para a maioría das especies.

🌙 **Actividade nocturna**
A maioría son nocturnos. Mellores momentos: solpor, primeira metade da noite, días nubrados ao anoitecer e con pouco ou nada de vento. As noites sen lúa ou con pouca lúa favorecen a súa actividade. Chans enchoupados, cunetas, regatos e camiños lameiros = puntos clave.

**🏙️ ZONAS URBANAS**

Os anfibios poden parecer “habitantes do bosque”, pero moitas especies viven silenciosamente ao noso carón, axudando a controlar insectos e manter o equilibrio ecolóxico en espazos urbanos.

En zonas urbanas tamén é posible observar anfibios, e moitas veces sorprende a cantidade que pode aparecer cando as condicións son favorables. Aquí tes as claves para detectalos en contornos urbanos sen molestalos:

🏙️ **Onde buscalos en áreas urbanas**
Incluso dentro ou preto do núcleo urbano podes atopalos en parques e xardíns con zonas húmidas, fontes, estanques artificiais, cunetas, canles de drenaxe e sumidoiros con auga, sotos húmidos, garaxes, pasos subterráneos, muros de pedra e recunchos sombrizos,  zonas verdes periurbanas, terrenos abandonados con charcos temporais.

Os anfibios non precisan grandes espazos naturais; abóndalles humidade, refuxio e auga para reproducirse.

**📲 Como podo achegar datos a OCB Ribadeo?**

O máis práctico e cómodo é que ti mesmo descargues a App **Obsidentify**, crees a túa conta e rexistres as túas observacións directamente. Na web **ocbribadeo.org** tes un titorial para iniciarte na observación de biodiversidade en **observation.org**.

Tamén podes enviar as túas observacións (foto, localización, data e hora) a **contacto@ocbribadeo.org**

Ou ben subir as túas fotografías ao grupo **Biodiversidad de Ribadeo en Fotos**, en Facebook. Por privado pedirémosche localización, data e hora de cada observación.

**Anímate a participar e coñecer de primeira man os anfibios da nosa localidade!** 🐸🌿

Aquí che amosamos algúns dos que atopamos no noso Concello, pero dispoñemos de moi poucos rexistros e precisamos de moitos máis!

![](https://ocbribadeo.org/storage/rana.jpg)

![](https://ocbribadeo.org/storage/rana2.jpg)

 

![](https://ocbribadeo.org/storage/sapo.jpg)

![](https://ocbribadeo.org/storage/triton2.jpg)

![](https://ocbribadeo.org/storage/triton3.jpg)

![](https://ocbribadeo.org/storage/triton4.jpg)

![](https://ocbribadeo.org/storage/salamandra.jpg)

![](https://ocbribadeo.org/storage/triton.jpg)