---
title: "Boloria selene (Perlada castaña)"
url: https://ocbribadeo.org/boloria-selene-perlada-castana/
date: 2025-04-24
modified: 2025-04-25
lang: es
author: "OCB Ribadeo"
description: "(O traductor ó castelán non é fiable, mellor ver a entrada en galego) Estes días xa se empezan a ver as Boloria selene! É unha bolboreta de tamaño pequeno (entre..."
categories:
  - "A nosa biodiversidade"
image: https://ocbribadeo.org/wp-content/uploads/boloriaselene-scaled.jpg
word_count: 329
---

# Boloria selene (Perlada castaña)

![](https://ocbribadeo.org/storage/DSC7567-Editar-2-scaled-e1745529598901.jpg)(O traductor ó castelán non é fiable, mellor ver a entrada en galego)

Estes días xa se empezan a ver as *Boloria selene*!

É unha bolboreta de tamaño pequeno (entre 30 e 40 mm de envergadura) que pertence á familia Nymphalidae. É fácil de recoñecer pola cor laranxa brillante das súas ás, con debuxos negros pola cara superior, e polas  manchas nacaradas do reverso das ás posteriores.

Distribúese por gran parte de Europa e Asia templada, e prefire hábitats húmidos como praderías pouco alteradas, marxes de turbeiras, claros de bosque e zonas de pasto con boa presenza de violetas (Viola spp.), que son a planta da que se alimentan as súas orugas.

Adoita ter dúas xeracións ao ano (unha na primavera e outra a finais de verán), aínda que en zonas máis frías pode ser univoltina. Os adultos voan entre maio e setembro, dependendo da rexión.

Aínda que non é unha especie rara en xeral, as súas poboacións poden verse afectadas pola destrución ou alteración do seu hábitat, especialmente pola drenaxe de zonas húmidas ou a falta de xestión extensiva (como o pastoreo tradicional). Por iso considéralla unha boa especie indicadora do estado de conservación de certos ecosistemas.

No seguinte mapa podemos ver a súa distribución, considerando que estes datos proceden da plataforma observation.org.

![](https://ocbribadeo.org/storage/Captura-de-pantalla-2025-04-24-220255.png)

En canto á súa estacionalidade, podemos ver que en xeral, maio e setembro son os mellores meses para atopala. Na primeira vemos Ribadeo, na segunda Galicia, e na terceira Europa.

![](https://ocbribadeo.org/storage/ESTACIONALIDAD-RIBADEO.png)![](https://ocbribadeo.org/storage/ESTACIONALIDAD-GALICIA.png)![](https://ocbribadeo.org/storage/estacionalidad-europa.png)

 

E para os amantes da fotografía artística de natureza, é unha das bolboretas máis fáciles de atopar cando “dorme”, en días fríos, ou cando xa cae a noite, xa que se coloca en flores e plantas no chan, a pouca altura e coas ás encartadas. Unha vez vista unha xa as verás todas!

![](https://ocbribadeo.org/storage/DSC1515-scaled.jpg)![](https://ocbribadeo.org/storage/DSC4800-scaled.jpg)

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Queres ver as fotos de todos os rexistros de *Boloria selene* en Ribadeo? Na seguinte ligazón podes velas todas:

[Boloria selene en Observation.org](https://observation.org/locations/724271/photos/?date_after=1800-04-25&date_before=2025-04-25&species=682&species_group=&rarity=&search=&likes=&advanced=on&user=&sex=&month=&type=&license=&own_sightings=&life_stage=&activity=&method=)