---
title: "Cicadellidae: a vida diminuta que se agocha entre as follas."
url: https://ocbribadeo.org/cicadellidae-a-vida-diminuta-que-se-agocha-entre-as-follas/
date: 2026-10-18
modified: 2026-10-18
lang: es
author: "OCB Ribadeo"
description: "Esta entrada nace a raíz de atopar numerosos cicadélidos durante o Bioblitz celebrado no IES de Ribadeo con alumnado de 1º de Bacharelato de Bioloxía, dentro das actividades da Gran..."
categories:
  - "A nosa biodiversidade"
image: https://ocbribadeo.org/wp-content/uploads/imagen-portada.jpg
word_count: 1787
---

# Cicadellidae: a vida diminuta que se agocha entre as follas.

Esta entrada nace a raíz de atopar numerosos cicadélidos durante o **Bioblitz celebrado no IES de Ribadeo con alumnado de 1º de Bacharelato de Bioloxía, dentro das actividades da Gran Semana da Biodiversidade.** A pesar de seren un dos grupos de insectos máis abundantes da nosa contorna, a maioría do alumnado descoñecía a súa existencia, o que puxo de manifesto o fácil que resulta pasar por alto unha parte tan importante da nosa biodiversidade. Aproveitaron este achado para presentar ó público esta familia durante a Semana da Ciencia. Pero atopámonos con un problema: a meirande parte das fotografías de cicadélidos rexistradas en Observation.org do noso Concello estaban sen revisar por expertos, así que nos puxemos en contacto con **André Burgers** para que nos axudara. André é un dos máis grandes expertos nesta familia, e identificounos as máximas posibles. Asimesmo, redactounos un resumo das súas características. **Sen a súa axuda non sería posible facer este traballo**, do que estamos infinitamente agradecidos tanto o IES de Ribadeo como o OCB Ribadeo.
Os cicadélidos (familia Cicadellidae) son un dos grupos de insectos máis diversos que podemos atopar entre a vexetación. **O seu pequeno tamaño fai que pasen case sempre desapercibidos**, pero desempeñan un papel fundamental nos ecosistemas e tamén teñen unha gran importancia na agricultura.
Nesta entrada falaremos un pouco de quen son realmente estas diminutas "cigarriñas das follas".
Agardamos que, despois desta lectura, cando vexas un pequeno insecto saltar entre a herba ou sobre unha folla, o mires con outros ollos e descubras o fascinante mundo dos cicadélidos.
E nunha segunda entrada veremos con fotos e unha pequena descripción cada un dos individuos fotografados no noso Concello.
**FAMILIA CICADELLIDAE**
Ao camiñar pola herba ou ao mover as plantas da horta e as árbores froiteiras, é moi habitual observar pequenos insectos que saltan ao noso arredor con extraordinaria rapidez. Con toda probabilidade, trátase de cicadélidos que se estaban alimentando da savia das plantas.
Os cicadélidos (familia Cicadellidae), coñecidos popularmente como chicharritas ou saltóns das follas constitúen unha das familias de insectos máis diversas e abundantes, con milleiros de especies distribuidas por todo o mundo e presentes en prácticamente todos os hábitats con vexetación.
O carácter anatómico máis distintivo dos cicadélidos atópase nas patas posteriores, que presentan unha ou varias fileiras de espiñas grandes e robustas ao longo das tibias. Esta característica permite identificalos de inmediato e diferencialos doutras familias próximas e de aspecto semellante, como os cercópidos (Cercopidae), afrofóridos (Aphrophoridae) ou tetigométridos (Tettigometridae).
**NINFAS OU LARVAS?**
Ao eclosionaren os ovos, emerxen as ninfas. É importante non confundir este termo co de larva. Falamos de ninfas porque os cicadélidos presentan un desenvolvemento hemimetábolo ou de metamorfose incompleta: as ninfas xa gardan un gran parecido cos adultos, aínda que carecen de ás completamente desenvolvidas e de madurez sexual.
Ao longo do seu desenvolvemento atravesan cinco estadios ninfais, separados por outras tantas mudas do exoesqueleto, durante as cales se alimentan activamente da savia das plantas. Tras a quinta e última muda emerxe o adulto, xa provisto de ás plenamente desenvolvidas e con capacidade reprodutora.
**ALIMENTACIÓN E O SEU IMPACTO NA AGRICULTURA GALEGA**
Se observamos con atención as follas sobre as que se atopan estes insectos, poderemos apreciar pequenas manchas claras que contrastan co verde da planta. Os cicadélidos empregan o seu estilete para perforar a epiderme vexetal e alcanzar os vasos condutores, principalmente o floema, do que extraen a savia, rica en azucres, auga e outras substancias nutritivas.
Aínda que unha infestación importante pode debilitar a planta debido á extracción continua de savia e á diminución da súa capacidade fotosintética, o verdadeiro perigo económico destes insectos reside no seu papel como vectores de enfermidades vexetais. Moitas especies son capaces de transmitir virus, fitoplasmas e bacterias fitopatóxenas, provocando perdas moi importantes na agricultura, especialmente en sistemas de monocultivo.
En Galicia destacan dúas ameazas fitosanitarias de especial relevancia nas que os cicadélidos desempeñan un papel determinante:
**1. A flavescencia dourada da vide.**
Trátase dunha das enfermidades máis graves que afectan á vide. Está causada por un fitoplasma e transmítese nos viñedos polo cicadélido Scaphoideus titanus, unha especie orixinaria de América do Norte introducida accidentalmente en Europa, onde se converteu no principal vector da enfermidade.
**2. A bacteria Xylella fastidiosa.**
Esta bacteria, considerada unha das maiores ameazas fitosanitarias a nivel mundial, coloniza o xilema e acaba obstruíndo o sistema de transporte de auga da planta, afectando numerosas especies leñosas de grande interese agrícola, como a oliveira, a vide, as amendoeiras ou diversos froiteiros e plantas ornamentais. Os cicadélidos poden actuar como vectores dalgunhas das súas cepas, compartindo este papel con outras familias de hemípteros picadores-sugadores, especialmente os cercópidos (Cercopidae) e os afrofóridos (Aphrophoridae).
**O RETO DA FOTOGRAFÍA MACRO: POR QUÉ É TAN DIFÍCIL FOTOGRAFALOS?**
Conseguir unha boa fotografía dun cicadélido no seu medio natural é unha auténtica lección de paciencia, técnica e coñecementos de fotografía macro. O primeiro obstáculo é o seu diminuto tamaño: intentar fotografalos cun teléfono móbil ou cunha cámara convencional adoita dar resultados pouco satisfactorios. Para obter imaxes de calidade é recomendable utilizar unha cámara réflex ou sen espello, un obxectivo macro e un bo sistema de iluminación mediante flash con difusor.
A máis leve brisa fai oscilar a folla sobre a que repousa o insecto. Ao traballar cun obxectivo macro ao máximo aumento e a poucos centímetros do motivo, a profundidade de campo redúcese a apenas unhas décimas de milímetro. Isto fai practicamente imposible conseguir que todo o insecto apareza perfectamente enfocado nunha única toma. Se, ademais, intentamos suxeitar a folla coa man para estabilizala, o máis probable é que o cicadélido dea un salto antes de disparar ou que se desprace rapidamente cara ao lado oposto do talo ou ao envés da folla, onde queda oculto.

Ademais, unha única fotografía adoita ser insuficiente. Para facilitar a identificación da especie é habitual realizar numerosas tomas desde diferentes perspectivas —dorsal, lateral e frontal—, mentres que unha vista ventral resulta practicamente imposible de conseguir en exemplares vivos no seu hábitat natural.

O emprego do flash ou a incidencia directa da luz solar pode producir reflexos intensos sobre a cutícula de moitos insectos, ocultando detalles anatómicos de gran importancia para a súa identificación
A pesar de todas estas dificultades, precisamente aí reside boa parte do atractivo da fotografía macro: cada cicadélido fotografado con éxito é o resultado de moita observación, paciencia e numerosas tentativas. Cando finalmente se consegue unha boa imaxe, a satisfacción compensa todo o esforzo realizado.
**O CREBACABEZAS DA IDENTIFICACIÓN MEDIANTE IMAXES**
Unha fotografía atractiva poucas veces é suficiente para identificar un cicadélido ata o nivel de especie, e a familia Cicadellidae non é unha excepción. Para lograr unha identificación fiable, os especialistas e os afeccionados máis experimentados recorren ás claves dicotómicas, aínda que en moitos grupos estas aínda non existen ou son incompletas.
Pode ocorrer que regreses do campo satisfeito por ter conseguido fotografías perfectamente enfocadas e tomadas desde todos os ángulos posibles, pero que, ao revisalas con calma na casa, descubras que falta precisamente ese pequeno detalle anatómico —ás veces dunha fracción de milímetro e oculto tras unha pata ou baixo unha á— e que é a clave imprescindible para chegar á especie.
Se temos a fortuna de que a clave se basee en caracteres externos visibles e dispoñamos de fotografías de gran calidade, é posible identificar a especie con paciencia e atención aos detalles. Na maioría das ocasións isto resulta inviable debido a dous grandes obstáculos.
**A) As especies crípticas e a tiranía da xenitalia masculina**
Moitos xéneros inclúen especies crípticas, practicamente indistinguibles polo seu aspecto externo, que só poden separarse mediante o estudo da xenitalia ao microscopio. Ademais, na maior parte dos casos, só a xenitalia masculina presenta caracteres diagnósticos fiables, mentres que a das femias adoita ser moito máis uniforme e semellante entre especies.
Isto implica que, se se recolle unha femia no campo, nin sequera un laboratorio ben equipado ou un microscopio de alta resolución permitirán, en moitos casos, alcanzar unha identificación segura ao nivel de especie.
Un exemplo representativo é o amplo xénero Eupteryx. Nas plataformas de ciencia cidadá é frecuente atopar numerosas fotografías deste xénero, realizadas incluso por fotógrafos con gran experiencia, que permanecen sen identificar ou só poden asignarse ao xénero. Existen varios grupos de especies de Eupteryx que non poden diferenciarse mediante caracteres externos. Un caso clásico é o formado por Eupteryx urticae e Eupteryx calcarata. A variabilidade do patrón de manchas dentro de cada unha destas especies é tan elevada que se solapa coa da outra, facendo imposible distinguilas a partir de fotografías. Como dificultade engadida, ambas viven habitualmente sobre a mesma planta hospedadora: a ortiga (Urtica dioica).
**B) O "sesgo do afeccionado" e a escaseza de bibliografía**
Outro dos grandes problemas aos que se enfrontan os taxónomos é a tendencia dos afeccionados con menos experiencia a asignar ás súas fotografías o nome da especie máis coñecida ou frecuente dun determinado xénero. Unha identificación errónea pode espallarse rapidamente por Internet e acabar reproducíndose en numerosas páxinas e bases de datos, xerando unha auténtica "bóla de neve" de información incorrecta.
Por este motivo, o primeiro paso antes de identificar unha especie debería ser consultar fontes fiables e de carácter científico, evitando perpetuar erros xa existentes na rede.
Un exemplo ilustrativo é o xénero Euscelis. Moitas fotografías etiquétanse automaticamente como Euscelis incisus, por ser a especie máis común e diferenciarse con relativa facilidade doutra tamén frecuente, Euscelis lineolata. Se consultamos o catálogo oficial de IberFauna, elaborado polo CSIC, comprobaremos que na península Ibérica existen outras oito especies deste xénero, das que apenas hai información dispoñible e para as cales, en moitos casos, nin sequera existen fotografías accesibles en Internet.
Identificar correctamente estes grupos "orfos" de información require, en ocasións, recorrer ás descricións orixinais publicadas por naturalistas dos séculos XIX e comezos do XX, escritas en latín, alemán ou francés. Trátase dun labor lento e esixente, pero tamén extraordinariamente gratificante. A dificultade increméntase cando se trata de especies descritas recentemente, xa que moitos dos artigos científicos nos que aparecen permanecen detrás de muros de pagamento e non son de libre acceso. Nestes casos, a mellor alternativa adoita ser contactar directamente cos seus autores, que con frecuencia facilitan unha copia do traballo ou resolven dúbidas de identificación.
Afortunadamente, a taxonomía dos cicadélidos non sempre é un labirinto indescifrable. Un magnífico exemplo atopámolo precisamente en Galicia con Cicadella viridis, unha das especies máis fermosas e recoñecibles da nosa fauna. É relativamente común nas zonas húmidas do norte da Península Ibérica e os seus intensos tons verde esmeralda e azul turquesa nos exemplares adultos convértena nun insecto practicamente inconfundible no campo.
**Anímovos a visitar a siguiente entrada sobre a familia cicadellidae, na que xa vamos a disfrutar das especies que ata o momento conseguimos fotografiar no noso Concello.**