(Entrada en galego, o traductor a outros idiomas non sempre traduce correctamente)
Clasificación Taxonómica
Reino: Animalia; Filo: Arthropoda; Clase: Insecta; Orden: Lepidoptera; Familia: Papilionidae; Género: Papilio; Especie: Papilio machaon
Rareza da especie habitual Mundial
Estatus da especie nativo Mundial nativo España
O Papilio machaon está clasificado pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN) como de Preocupación Menor (LC) a nivel global. Con todo, o seu estado de conservación pode variar significativamente segundo a rexión. Factores como a perda de hábitat debido á urbanización e a agricultura intensiva, o uso de pesticidas que afectan tanto as larvas como aos adultos, e o coleccionismo excesivo pola súa beleza, representan ameazas para a especie nalgunhas áreas.
O Papilio machaon é unha das bolboretas máis grandes de Europa, cunha envergadura de ás que oscila entre 65 e 90 mm, o que a fai inconfundible polo seu tamaño e colorido. O seu voo combina un movemento potente con planeos, sendo fácil de recoñecer mesmo a distancia.
A oruga aliméntase principalmente de fiúncho, ruda e cenoria silvestre, aínda que tamén pode consumir outras plantas da familia Apiaceae. En localidades como Ribadeo, é común atopar estas orugas en plantas de fiúncho, onde realizan o seu desenvolvemento. A medida que crecen, as orugas cambian de cor e deseño con cada muda de pel, mostrando patróns máis rechamantes na súa etapa final. En apenas quince días son capaces de multiplicar o seu peso por máis de mil.
Un dos hábitos máis curiosos dos machos é o hilltopping, un comportamento típico de moitas bolboretas da familia Papilionidae. Os machos voan cara á cima de outeiros ou áreas elevadas, onde esperan a chegada de femias. Este comportamento facilita o encontro entre individuos, especialmente en lugares onde as poboacións están dispersas.
Durante a noite ou en períodos de inactividade, dorme coas ás pechadas e permanece inmóbil. Con todo, ao detectar unha perturbación, abrirá as súas ás de golpe, posiblemente como unha estratexia para asustar aos depredadores.
O Papilio machaon ten unha distribución moi ampla, abarcando gran parte de Europa, Asia e América do Norte. A súa adaptabilidade a diferentes hábitats e climas contribúe ao seu éxito como especie. Con todo, en áreas onde os hábitats naturais foron severamente alterados, as súas poboacións poden verse afectadas.
En Ribadeo podemos velas de marzo a outubro.
Mapa de presenza en observation.org:
E xa para rematar, un video da emerxencia dunha Papilio machaon, grabado en Ribadeo. Unha oruga rescatatada nun prado de Obe, xunto con outras cinco, antes de ser pilladas por un tractor que estaba roturando, das cales se estaba a facer un seguimento. Criadas na casa con fiúncho, voaron libres na zona. Unha experiencia inolvidable.