(a traducción do galego a outros idiomas no é de todo fiable)
A Ría de Ribadeo é un dos estuarios máis importantes do norte peninsular desde o punto de vista ecolóxico. Ten unha especial importancia por ser refuxio para unha gran cantidade de aves que viven ou se alimentan nela, xa sexa en períodos determinados de tempo, ou durante todo o ano. Así, durante o inverno convértese en lugar de descanso ou parada para gran número de aves que veñen desde o norte de Europa en busca de climas máis benignos para pasar a estación. Moitas delas utilizan a ría como un alto no que descansar e repoñer forzas antes de continuar a súa viaxe cara ao sur (África ou sur da Península), mentres que outras moitas elíxena como lugar de parada definitiva no que pasar o inverno.
Durante todo o ano os afeccionados á ornitoloxía poden gozar da observación, debido a que igualmente no verán chegan outras especies novas procedentes do sur, que se suman ás que durante todo o ano viven aquí.
Non deixes de visitar o Blog de Enrique Sampedro, gran observador e coñecedor das especies de aves que podemos ver na Ría.