---
title: "Saramaganta na Área de descanso O Valín (Ove-Ribadeo)"
url: https://ocbribadeo.org/saramaganta-na-area-de-descanso-o-valin-ove-ribadeo/
date: 2025-11-22
modified: 2025-12-19
lang: es
author: "OCB Ribadeo"
description: "Coñecer a nosa biodiversidade local é esencial: non podemos protexer o que non sabemos que existe. Moitas veces conservar non require grandes accións, senón simplemente non alterar o que xa..."
categories:
  - "A nosa biodiversidade"
image: https://ocbribadeo.org/wp-content/uploads/Saramaganta-2.jpg
word_count: 518
---

# Saramaganta na Área de descanso O Valín (Ove-Ribadeo)

![](https://ocbribadeo.org/storage/vM3uTmA--scaled.jpg)

Coñecer a nosa biodiversidade local é esencial:** non podemos protexer o que non sabemos que existe.** Moitas veces conservar non require grandes accións, senón simplemente **non alterar o que xa funciona e respectar o ritmo da natureza.**
O coñecemento sempre axuda e permite tomar mellores decisión. **A natureza é un patrimonio común que debería unirnos.**
**As especies endémicas teñen un valor especial.** A presenza da saramaganta no noso Concello, con unha grande poboación na **Área de descanso do Valín** é un exemplo: unha especie única que só pode vivir en lugares ben conservados. Atopala aquí é un indicador da boa saúde ambiental e un motivo máis para apreciar o territorio que compartimos. Que apareza no noso Concello non é só unha curiosidade, é un indicador de que aínda quedan espazos que conservan a súa calidade ambiental. E iso dalle un **valor engadido ao Concello**, un motivo máis para sentir orgullo polo territorio que habitamos.
Porque **a biodiversidade** non é algo distante:** é parte de quen somos e do lugar onde vivimos.** Coidala é, simplemente, coidarnos tamén a nós.

![](https://ocbribadeo.org/storage/GtE5hRYK-scaled.jpg)

En canto ao seu estado de conservación e situación legal, debemos indicar que **está incluída no Catálogo Galego de Especies Amenazadas baixo o epígrafe de Vulnerable, polo que está prohibida a súa captura e non poden ser modificados os hábitats nos cales vive.** Do mesmo xeito, forma parte das especies protexidas pola **Directiva Hábitats (92/43/CEE), que pide ás administración que garantan a protección dos lugares onde vive.**

![](https://ocbribadeo.org/storage/ruos9d5d-scaled.jpg)

Pero** todos e cada un de nós tamén somos responsables da súa conservación,** de maneira que debemos respetar o seu entorno cando vaiamos á fonte, evitando deixar lixo, non empregar alí productos químicos, non remover troncos ou pedras, e sobre todo, se as atopamos (non é tan doado), **non capturalas nin molestalas. Son totalmente inofensivas,** polo que si as vemos na fonte, podemos coller auga como ata agora tranquilamente, e simplemente, deixalas vivir para que sigan compartindo ese hábitat e espazo con nós durante o máximo tempo posible.

![](https://ocbribadeo.org/storage/Hxh8CU8E-scaled.jpg)

Agradecementos especiais a **Martiño Cabana Otero:** biólogo galego especializado en herpetoloxía, centrado no estudo e conservación de anfibios e réptiles en Galicia. Forma parte do grupo GIBE da Universidade da Coruña e participa en atlas e proxectos sobre distribución e estado das especies. Investigou especies clave como *Pelobates cultripes* e* Chioglossa lusitanica*, e combina o traballo científico cunha forte actividade divulgativa para promover a protección da herpetofauna galega. E a **Rafael Vázquez Graña** por aportarme estas impresionantes fotos da saramaganta (as miñas non tiñan a calidade suficiente para apreciar a beleza desta especie). Rafael Vázquez Graña é un naturalista e herpetólogo galego que leva anos traballando no estudo de anfibios e réptiles, especialmente en Galicia. Ten publicado varios rexistros interesantes —como casos de melanismo en lagartos e serpes— en revistas especializadas e boletíns herpetolóxicos. Colabora con proxectos de conservación, actividades de campo e iniciativas divulgativas, sendo unha figura activa na herpetoloxía galega.
Adxunto PDF presentado no Concello, para protexer o seu hábitat e poder seguir disfrutando da súa presenza con nós.

[Escrito para a protección de Chioglossa lusitanica na Area de descando o Valín](https://ocbribadeo.org/storage/Escrito-para-a-proteccion-de-Chioglossa-lusitanica-na-Area-de-descando-o-Valin.pdf) (PDF).