Os Cerambycidae, coñecidos como escaravellos longicornios, son unha extensa familia de coleópteros que destaca polas súas antenas longas, que en moitas especies superan a lonxitude do corpo, especialmente nos machos. Poden medir desde uns poucos milímetros ata varios centímetros, cun corpo alongado, cilíndrico ou lixeiramente aplanado. A súa coloración é moi diversa. Aínda que a maioría dos Cerambycidae teñen actividade diúrna, existen bastantes especies nocturnas ou crepusculares.
As larvas, en xeral, son xilófagas, é dicir, aliméntanse principalmente de madeira. Escavan galerías en troncos, pólas e raíces. Algunhas especies viven na madeira morta e outras en árbores vivas debilitadas. O seu desenvolvemento pode durar desde uns meses ata varios anos. A pupación adoita producirse no interior da madeira. Pero, no xénero Agapanthia, as larvas desenvólvense en talos herbáceos. Os adultos aliméntanse de pole, néctar, follas, cortiza ou zume, dependendo da especie.
Curiosidade: se atopas un cerambícido dentro da casa durante o inverno, non descartes que saíse dalgún toro de leña.
Podemos atopalos en numerosos ambientes: bosques de frondosas e coníferas, carballeiras, faiais e bosques de ribeira, prados e zonas con vexetación herbácea, matogueiras e claros forestais, árbores vellas, madeira morta e tocóns. Moitos adultos visitan as flores, polo que tamén se poden observar en prados e nas beiras dos camiños.
Os Cerambycidae desempeñan un papel importante nos ecosistemas forestais: participan na descomposición da madeira, contribúen á reciclaxe de nutrientes, algunhas especies son polinizadoras ocasionais e constitúen alimento para aves, réptiles e outros invertebrados.
En Galicia coñécense aproximadamente 120 especies de Cerambycidae. Esta cifra procede dun traballo científico de Pablo Torrella, publicado en 2023 na revista Arquivos Entomolóxicos, do que achegamos a ligazón.
En xeral, son insectos inofensivos para as persoas. Non teñen aguillón nin veleno, non son agresivos e non transmiten enfermidades. Como outros escaravellos, poderían intentar defenderse coas mandíbulas se se manipulan, pero non representan ningún perigo.
Para facilitar a identificación, recoméndase facer tres fotografías:
- Vista dorsal: corpo completo, para observar a distribución da pubescencia (peliños).
- Vista lateral da cabeza: para apreciar as antenas.
- Primeiro plano das antenas: especialmente dos catro primeiros artexos.
CERAMBYCIDAE NO OCB RIBADEO
En Ribadeo, ata o momento, fotografamos e rexistramos en Observation.org nove especies desta familia e dous exemplares do xénero Agapanthia.
1.- Agapanthia spec.


Se fotografase as antenas con detalle, seguramente se podería chegar á identificación da especie.
Os membros deste xénero desenvolven a súa actividade principalmente a plena luz do día, especialmente durante as horas máis cálidas e soleadas. Adoitan observarse pousados ou desprazándose lentamente polos talos e follas das súas plantas nutricias (cardos, gamóns, umbelíferas, gramíneas, etc.) para alimentarse e reproducirse.
2.- Cerambyx scopolii

É diúrno e resulta especialmente interesante buscalo nos días soleados, sobre flores e arbustos en flor.
3.- Clytus arietis


Coñecido tamén como escaravello avespa, é estritamente diúrno. Obsérvase con frecuencia nos días soleados, alimentándose de pole e néctar en flores brancas ou amarelas (como as das umbelíferas, os estripos ou os botóns de ouro).
4.- Leptura aurulenta

Aproveitan as horas de sol e calor para alimentarse. Atópanse en días despexados sobre as flores (especialmente das umbelíferas, das silveiras ou dos sabugueiros), alimentándose de pole e néctar, ou ben pousados sobre troncos caídos expostos ao sol.
5.- Paracorymbia stragulata


Os adultos son moi activos durante as horas centrais do día. Obsérvaselles alimentándose de pole e néctar en diversas flores, especialmente en claros do bosque e nas beiras dos bosques (umbelíferas, silveiras, margaridas, etc.)
6.- Pyrrhidium sanguineum
Dada a baixa calidade da miña foto, adxunto unha de Jordi Clavell


É activo durante as horas centrais e soleadas do día, momento no que os adultos saen na procura de parella e de lugares onde poñer os ovos. Se o día está nubrado ou frío, adoita permanecer agochado baixo as cortizas soltas ou nas fendas da madeira.
Raramente o verás alimentándose nas flores. Os adultos apenas se alimentan e dedican a súa curta vida (apenas unhas semanas) case exclusivamente á reprodución.
O mellor lugar para buscalo son troncos recentemente cortados, pólas caídas ou moreas de leña que aínda conserven a cortiza, especialmente en zonas soleadas de bosques caducifolios ou nas súas beiras. É moi frecuente velo correteando sobre a leña almacenada no campo.
7.- Rhagium bifasciatum


Déixase ver sobre todo durante o día, especialmente nas xornadas soleadass da primavera e do verán. Alterna as visitas ás flores na procura de pole ou néctar coa actividade directa sobre troncos, tocóns e vexetación baixa.
8.- Rutpela maculata


Moi diúrna, heliófila e florícola. Pasa boa parte das horas de sol visitando flores para alimentarse de pole e néctar, ou desprazándose entre plantas e beiras cálidas. Atópase sobre todo en flores grandes ou agrupadas en racimos, como as das umbelíferas, silveiras, sabugueiros, estripos, margaridas ou cardos en flor.
9.- Spondylis buprestoides

Observación e fotografía de Carlos Galán do ano 2008.
É principalmente crepuscular e nocturno, aínda que nos días moi calorosos ou se se ve molestado pode deixarse ver ao anoitecer e, de xeito puntual e ocasional, durante o día.
Pasa as horas centrais do día agochado baixo cortizas soltas, entre a follaxe seca, debaixo dos troncos ou nas fendas dos tocóns. Sae ao anoitecer e durante a noite, cando voa cun zunido pesado na procura de parella e de lugares onde poñer os ovos. Ás veces séntese atraído polas luces artificiais.
Os adultos non son florícolas; apenas se alimentan (en todo caso, poden roer algo de cortiza tenra ou alimentarse dos exsudados de zume) e a súa vida adulta é relativamente curta.
10.- Stenurella melanura

Durante as horas de sol pasa boa parte do tempo nas flores, alimentándose de pole e néctar, o que a converte nunha visitante habitual e doada de observar para quen pasea no verán. Sobre todo en flores abertas, como as das umbelíferas, margaridas, silveiras, sabugueiros ou outras plantas compostas en flor, onde a miúdo se poden ver varios exemplares xuntos.
Con esta pequena entrada, achegámonos un pouco máis ao coñecemento da biodiversidade de Ribadeo. Espero que vos gustase e aproveito para lembrarvos que podedes colaborar subindo as vosas observacións á plataforma de Ciencia Cidadá Observation.org.
Descargade a aplicación ObsIdentify e comezade a explorar a gran biodiversidade que nos rodea.
Grazas.







